Amosando publicacións coa etiqueta CLASE DE ISA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLASE DE ISA. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de xuño de 2015

¡¡ATA SEMPRE!!

Os meus queridos trasniños e trasniñas:

Téñovos que dicir adeus, parece incrible que estes tres anos pasaran tan pronto, durante este tempo aprendéchedes e medráchedes moito e foi unha aventura xenial que tiven o pracer de compartir con vos. Todos e todas sodes únicos e especiais e levareivos sempre no meu corazón.

Deséxovos moita sorte na nova etapa educativa pero sobretodo vos desexo que sexades sempre moi felices.

Ás familias quérolles dar as grazas pola súa confianza, colaboración e participación pero sobretodo por prestarme un "anaquiño" das súas fillas e fillos.


¡Ata sempre pequerrechos!


Isa.















luns, 1 de xuño de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. MANU, O TÍO DE UXÍA.

Hoxe veu visitarnos Manu, Uxía estaba encantada ca súa visita. Manu contounos o conto titulado Un becho raro.

Despois de escoitar o conto cada quen ideou o seu propio becho raro e a continuación todos xuntos e xuntas na pizarra dixital deseñamos un becho raro e lle puxemos nome.

Para despedirnos Manu fíxonos un truco de maxia co seu dedo e démoslle unha forte aperta.

¡¡MOITAS GRAZAS MANU!!










luns, 25 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. MARÍA ISABEL, A NAI DE GAEL.

Hoxe recibimos a visita de Mari que veu contarnos o conto titulado Sopa Verde. Despois de escoitar o conto na biblioteca fomos á nosa aula onde cada quen debuxou a súa sopa. Algúns trasniños deixaron voar a súa imaxinación e fixeron sopa con dentaduras de vampiros, cabezas, formigas...

Gael e a súa nai regaron as nosas fresas e foron visitar a nosa horta na que temos plantadas moitas cousas verdes que no seu momento levaredes a casa.

Mari contounos que Gael non quería comer fresas e que dende que as plantou e probou na clase agora sí que as come...menuda alegria!!!




¡¡MOITAS GRAZAS MARI!!

luns, 18 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. ROCÍO, A NAI DE NOA PETEIRO.

Hoxe Noa Peteiro trouxo de visita á súa nai que nos contou o conto titulado ¡A dormir monstruos!







Despois de escoitar atentamente o conto na biblioteca regresamos á nosa aula e practicamos a dicir ben a palabra MONSTRUO en castelán  e MONSTRO en galego. Escribímola na pizarra e a continuación cada neno e nena debuxou o seu monstro. Esta actividade fomenta a imaxinación e a creatividade, todo está permitido e todo é correcto, cada quen idea o seu monstro sen regras nen restricións.

Unha vez rematados os debuxos reunímonos na asamblea e por quendas subidos nun taburete foron mostrando os seus monstros. Habíaos de tódolos xeitos; grandes, pequenos, con dez brazos ou tres cabezas... Tamén tiñan que dicir o seu nome (Comecerebros, Koke, Susto...) e o que lles gusta facer e comer. Despois as compañeiras e compañeiros facían preguntas. Tiñan moita curiosidade por saber a qué xogaban os monstros e tamén se tiñan mozo ou moza e se ían á escola. 






Con esta actividade traballamos a expresión oral, e a valorar e respectar o traballo dos demais. Mostrar o seu monstro resultoulles moi motivador e mesmo algúns trasniños máis tímidos soltáronse a falar sen vergoña da súa creación. 


Para rematar cantámoslle a Rocío a canción Piratas de Pablo Díaz. A Rocío encantoulle xa que non puido vir ao concerto. 







¡¡MOITAS GRAZAS ROCÍO!!

xoves, 14 de maio de 2015

CONMEMORANDO.






O venres 15 conmemórase o Día Internacional da Familia. Para celebrar esa data tan importante fixemos unha bolboreta que levarán de regalo para casa. A bolboreta fixémola con material de refugallo dentro do noso proxecto de Voz Natura. Estes días na aula falamos da importancia da familia e dos diferentes tipos de familia.Como colofón o venres estades convidadas e convidados ao concerto de Pablo Díaz que se celebrará na escola para conmemorar tamén o Día das Letras Galegas que este ano está adicado a Xosé Filgueira Valverde. Este ano 2015 adícaselle o Día Das Letras Galegas polo seu labor a prol da cultura e idioma galego. Como cada ano levaredes toda a información e un marcapáxinas realizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Galán.







CONTANDO EN FAMILIA. JOSE, O PAI DE IVÁN.

O pai de Iván veu de visita o mércores e contounos un conto titulado Vamos a cazar un oso. Neste conto os nenos e nenas dunha familia viven unha aventura divertida acompañados do seu pai. 

Aproveitamos a temática do conto e que o contacontos era un pai para falar da figura paternal. Cada quen debuxou nun folio a cara do seu pai e por quendas foron saíndo a mostra-lo seu debuxo e a falar dos seus pais (algún trasniño debuxou ao seu avó ou ao seu tío). Dixeron o nome, a súa comida preferida, o seu equipo de fútbol preferido, os xogos que comparten...

Iván mostroulle ao seu pai a nosa horta e xuntos regaron as fresas.






¡¡ MOITAS GRAZAS JOSE!!
 

xoves, 7 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. CONSU, A NAI DE XOEL.

O mércores veu Consu a contarnos o conto da Galiña Roxa. Esta galiña é moi traballadora pero ten uns amigos lacazáns que non lle axudan. Despois de escoitar o conto falamos da importancia de colaborar cos demais e mesmo de que os demais colaboren con nós.

Conversando con Consu na asamblea xurdiu o tema dos deportes, a problemática de gañar e perder e mesmo de facer trampas. Consu explicoulles a estas trasnas e estes trasnos que o importante é que o pasen ben e sobretodo que aprendan e que non sexan tan competitivos. Unha importante lección que é bo lembrar na casa xa que vivimos nun mundo demasiado competitivo e con tanta obsesión por gañar pérdese o pracer de participar.

Xoel ensinoulle á súa nai todo o noso traballo cas plantas e ela axudoulle a Xoel a regar as fresas.

De volta na aula debuxamos as personaxes do conto.






¡¡¡MOITAS GRAZAS CONSU!!!

mércores, 29 de abril de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. SANDRA, A NAI DE NOA VARA

Hoxe veu de visita Sandra, a nai de Noa Vara. Sandra contounos un conto fermoso que titúlase Mamá. Despois de contar o conto falamos acerca das nosas mamás, do moito que nos queren e do moito que nós queremos ás nosas nais. 

Sandra contounos tamén que en alemán mamá dise muti, ela sábeo xa que naceu en Alemania aínda que veu para aquí cando era moi pequena.

A continuación xogamos con Sandra a "un saco para mamá cargado de..." un xogo de acumulación que fomenta a atención e a memoria e no que cada quen tense que lembrar das cousas que dixeron os seus compañeiros e engadir unha cousa máis. Tiñamos que pensar nas cousas que lle gustan a mamá. Ao final a cousa quedou máis ou menos así: 

Un saco para mamá cargado de: APERTAS, CARIÑO, BICOS, ESTRELAS, FLORES, UN PARCHÍS, TACÓNS, PINTA BEIZOS, GATIÑOS, COLONIA, PIZZA,CUMPLEANOS, TARTA,DEBUXOS,UNHA CHAQUETA NOVA, NÓS, UN VESTIDO NOVO, UN VESTIDO ROSA CON PURPURINA E BOMBÓNS.

Despois debuxamos á nosa nai mentres que Sandra e algúns vilatrasniñ@s foron ver a horta e a por letreiros das cousas que temos plantadas.

Para rematar "puzzleamos" un rato.







¡¡¡MOITAS GRAZAS SANDRA!!!