luns, 25 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. MARÍA ISABEL, A NAI DE GAEL.

Hoxe recibimos a visita de Mari que veu contarnos o conto titulado Sopa Verde. Despois de escoitar o conto na biblioteca fomos á nosa aula onde cada quen debuxou a súa sopa. Algúns trasniños deixaron voar a súa imaxinación e fixeron sopa con dentaduras de vampiros, cabezas, formigas...

Gael e a súa nai regaron as nosas fresas e foron visitar a nosa horta na que temos plantadas moitas cousas verdes que no seu momento levaredes a casa.

Mari contounos que Gael non quería comer fresas e que dende que as plantou e probou na clase agora sí que as come...menuda alegria!!!




¡¡MOITAS GRAZAS MARI!!

luns, 18 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. ROCÍO, A NAI DE NOA PETEIRO.

Hoxe Noa Peteiro trouxo de visita á súa nai que nos contou o conto titulado ¡A dormir monstruos!







Despois de escoitar atentamente o conto na biblioteca regresamos á nosa aula e practicamos a dicir ben a palabra MONSTRUO en castelán  e MONSTRO en galego. Escribímola na pizarra e a continuación cada neno e nena debuxou o seu monstro. Esta actividade fomenta a imaxinación e a creatividade, todo está permitido e todo é correcto, cada quen idea o seu monstro sen regras nen restricións.

Unha vez rematados os debuxos reunímonos na asamblea e por quendas subidos nun taburete foron mostrando os seus monstros. Habíaos de tódolos xeitos; grandes, pequenos, con dez brazos ou tres cabezas... Tamén tiñan que dicir o seu nome (Comecerebros, Koke, Susto...) e o que lles gusta facer e comer. Despois as compañeiras e compañeiros facían preguntas. Tiñan moita curiosidade por saber a qué xogaban os monstros e tamén se tiñan mozo ou moza e se ían á escola. 






Con esta actividade traballamos a expresión oral, e a valorar e respectar o traballo dos demais. Mostrar o seu monstro resultoulles moi motivador e mesmo algúns trasniños máis tímidos soltáronse a falar sen vergoña da súa creación. 


Para rematar cantámoslle a Rocío a canción Piratas de Pablo Díaz. A Rocío encantoulle xa que non puido vir ao concerto. 







¡¡MOITAS GRAZAS ROCÍO!!

xoves, 14 de maio de 2015

CONMEMORANDO.






O venres 15 conmemórase o Día Internacional da Familia. Para celebrar esa data tan importante fixemos unha bolboreta que levarán de regalo para casa. A bolboreta fixémola con material de refugallo dentro do noso proxecto de Voz Natura. Estes días na aula falamos da importancia da familia e dos diferentes tipos de familia.Como colofón o venres estades convidadas e convidados ao concerto de Pablo Díaz que se celebrará na escola para conmemorar tamén o Día das Letras Galegas que este ano está adicado a Xosé Filgueira Valverde. Este ano 2015 adícaselle o Día Das Letras Galegas polo seu labor a prol da cultura e idioma galego. Como cada ano levaredes toda a información e un marcapáxinas realizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Galán.







CONTANDO EN FAMILIA. JOSE, O PAI DE IVÁN.

O pai de Iván veu de visita o mércores e contounos un conto titulado Vamos a cazar un oso. Neste conto os nenos e nenas dunha familia viven unha aventura divertida acompañados do seu pai. 

Aproveitamos a temática do conto e que o contacontos era un pai para falar da figura paternal. Cada quen debuxou nun folio a cara do seu pai e por quendas foron saíndo a mostra-lo seu debuxo e a falar dos seus pais (algún trasniño debuxou ao seu avó ou ao seu tío). Dixeron o nome, a súa comida preferida, o seu equipo de fútbol preferido, os xogos que comparten...

Iván mostroulle ao seu pai a nosa horta e xuntos regaron as fresas.






¡¡ MOITAS GRAZAS JOSE!!
 

xoves, 7 de maio de 2015

CONTANDO EN FAMILIA. CONSU, A NAI DE XOEL.

O mércores veu Consu a contarnos o conto da Galiña Roxa. Esta galiña é moi traballadora pero ten uns amigos lacazáns que non lle axudan. Despois de escoitar o conto falamos da importancia de colaborar cos demais e mesmo de que os demais colaboren con nós.

Conversando con Consu na asamblea xurdiu o tema dos deportes, a problemática de gañar e perder e mesmo de facer trampas. Consu explicoulles a estas trasnas e estes trasnos que o importante é que o pasen ben e sobretodo que aprendan e que non sexan tan competitivos. Unha importante lección que é bo lembrar na casa xa que vivimos nun mundo demasiado competitivo e con tanta obsesión por gañar pérdese o pracer de participar.

Xoel ensinoulle á súa nai todo o noso traballo cas plantas e ela axudoulle a Xoel a regar as fresas.

De volta na aula debuxamos as personaxes do conto.






¡¡¡MOITAS GRAZAS CONSU!!!